En maio do ano 2021 criamos pitos en Barouta. Nunha incubadora que puxemos no laboratorio metemos varios ovos e destes ovos naceron pitos que criamos na escola ata que medraron tanto que xa non era posible telos no laboratorio e levámolos para a casa de Livia e Eloi, que se ofreceron a coidalos xa que tiñan un galiñeiro ben grande.
De todos aqueles ovos que metemos na incubadora inicialmente, saíron varias galiñas e un galo. Unha destas galiñas (unha galiña de Mos) tivo pitos hai aproximadamente 10 días e o venres (11 de novembro) fomos de visita á casa d@s nos@s compañeir@s para ver e coñecer ás crías desta galiña que naceu en Barouta.
Para que vos lembredes deste proxecto tan bonito deixámosvos os enlaces ao blog (picando enriba deles podedes ver a información):
Para esta saída tan especial as crianzas de 6º EI xuntámonos coas compañeiras e compañeiros de 1º ciclo de primaria que estaban en Infantil (no ano 2021) cando levamos a cabo o proxecto! Todas e todos xunt@s fixemos unha camiñata polo monte ata chegar á casa de Eloi e Livia.
Cando chegamos recibíronnos a avoa, o avó, a nai e o pai de Eloi e Livia.
A avoa acompañounos ao galiñeiro e alí puidemos ver a "nosa galiña de Mos" e os seus pitiños. Eramos tantas as crianzas desexosas de vel@s que ás veces a galiña tapaba os pitiños para protexelos!
Tamén vimos o galo e Eloi e a súa nai amosáronos como fan a fariña de millo que lle dan de comer aos pitos xa que moen o millo nun muíño que teñen na casa e puidemos ver como funciona.
MOITAS GRAZAS, FAMILIA, POR COIDAR DOS NOSOS PITIÑOS E POR ACOLLERNOS TAN BEN NA NOSA VISITA!!
0 comentarios:
Publicar un comentario